Tomiño inicia un proceso participativo para que a veciñanza opine sobre as características da futura biblioteca municipal

A socióloga Susana Rodríguez explica o proxecto ao públicoO estudo foi presentado este mediodía, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro

O Concello de Tomiño vén de por en marcha un proceso participativo para que sexa a propia sociedade civil a que opine, dea pistas, suxestións, etc. sobre a futura biblioteca municipal. Un proceso, semellante ao que xa se fixo no caso da reforma integral do Mercado Municipal, da man dunha consultora especializada nestes temas.

O proxecto, presentado este mediodía, coincidindo co Día do Libro, denomínase “Estudo cualitativo de investigación de opinión e necesidades para a dinamización da futura biblioteca municipal de Tomiño”, e

consiste, concretamente, nun estudo social de participación cidadá para dinamizar a futura biblioteca municipal.

O lema elixido para levar a cabo o estudo é “Ideas que constrúen, sentando as bases da nosa biblioteca municipal”, co fin de fomentar a participación e o debate.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, explicou neste sentido, que “o que pretendemos é lograr ter unha biblioteca querida e pensada pola cidadanía; dinámica, moderna, creativa, eficiente, integradora. Que responda ás necesidades dos diferentes perfís sociais: nen@s, mocidade, comunidade educativa, maiores, etc.”.

A encargada de presentar o proxecto foi Susana Rodríguez, socióloga da consultora Arestora, que terá ao seu cargo a elaboración do estudo previo á construción da bilioteca. Segundo explicou, este estudo participativo ten dous obxectivos fundamentais; por unha parte, coñecer os intereses, demandas, necesidades, expectativas, suxestións, ideas, etc. da poboación para dotar de contidos o futuro edificio da Biblioteca Municipal, de forma coordinada coas bibliotecas das parroquias.

Por outra parte, facer da futura biblioteca, un espazo innovador, moderno e activo dirixido a toda a poboación para fomentar a cultura, a educación, o estudo e a lectura. “Contaremos coa participación dos grupos de discusión e debate, vencellados a diferentes áreas da sociedade tomiñesa: educación, asociacións, cultura, música, integración social, etc.”, sinalou.

A presentación, que contou coa presenza da concelleira de Cultura, Cristina Martínez, e da súa homóloga de Vila Nova de Cerveira, aproveitouse para repartir fichas onde os grupos, centros educativos, asociacións ou persoas, puideron deixar os seus datos para poder participar cando comecen as entrevistas e reunións de traballo.

Para pechar o acto, que contou con numeroso público, a moza tomiñesa Sofía Areal leu un poema de Manuel María e Cristina Martínez outro.

alcaldesa recolle fichas de participaciónrepresentantes vecinais e asociacións dan os seus datos para poder participar no estudoSofía Areal le un poema de Manuel MaríaCristina Martínez lendo un poema de Manuel María