Preto de 200 veciños e veciñas de Tomiño participaron na campaña de doazón de sangue de verán organizada polo Sergas

A xefa de área da Axencia Galega de Sangue remitiu unha carta de agradecemento polas doazóns conseguidas os día 4 e 5 de agosto

Un total de 183 veciños e veciñas de Tomiño participaron na campaña especial de verán levada a cabo pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, organismo que cualificou de “excelentes” os resultados acadados durante os días 4 e 5 de agosto pasados.

A xefa de área da devandita Axencia Galega, Dra. María Adelantado Pérez, vén de remitir un escrito de agradecemento dirixido á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “pola contribución e sincero compromiso co solidario xesto de doazón de sangue”, na que se achegaron á unidade móbil 183 persoas, 17 delas por primeira vez.

Segundo os datos achegados polas Axencia Galega de Sangue, durante o ano 2015 houbo máis de 350 doazóns, o que supón 26 doazóns por cada 1000 habitantes; unha taxa que se ben está por debaixo da recomendada pola Organización Mundial da Saúde, pode considerarse moi boa.

Asemade, dende a primeira visita da unidade móbil ao concello, no ano 1995, contabilizáronse case 5600 doazóns, realizadas polas 1069 persoas censadas como doadoras de sangue na vila. “Con estas doazóns, a modo de exemplo, poderíanse levar a cabo máis de 2700 intervencións cirúrxicas, ou transfundir plaquetas a máis de 900 enfermos de cancro ou leucemia”, informa a Dra. María Adelantado Pérez, quen lle pide á alcaldesa de Tomiño que faga extensivo o seu agradecemento a todas as persoas que colaboraron ca campaña.