O 7 DE ABRIL É O DÍA MUNDIAL DA SAÚDE, CONMEMORANDO ASÍ O ANIVERSARIO DA CREACIÓN DA OMS (Organización Mundial da Saúde) EN 1948

A OMS define a saúde como “un estado completo de benestar físico, mental e social, e non só a ausencia de afeccións ou enfermidades”. Así, queda claro que máis alá de patoloxías, a saúde abarca diversos factores que interveñen na calidade de vida de cadaquén. Unha persoa sana, polo tanto, sería aquela que goza dunha vida plena e feliz a todos os niveis. O concello de Tomiño, comprometido coa saúde da súa cidadanía, pon en marcha unha serie de actividades, obradoiros e mesas redondas dirixidas a toda a poboación para fomentar o coidado da saúde física e mental:

6 DE ABRIL ás 20.30h:
Emisión da curtametraxe de ficción “PELUCAS” escrita e dirixida por José Manuel Serrano Cueto: “Pelucas” xurde da experiencia persoal de Montse Gómez e Serrano Cueto. Montse finou o 6 de novembro de 2013 por mor dun cancro. Esta curta de ficción, cunha mensaxe positiva, é o froito do apoio de numerosas persoas e entidades . Posterior mesa redonda : “QUE PODEMOS FACER CONTRA O CANCRO?” na que participarán María Ángeles Pereira Roibal, médica da AECC (asociación española contra o cancro) e Esmeralda Martínez Pedreira (presidenta da Xunta Comarcal do Baixo Miño).
7 DE ABRIL ás 20.30h: Charla-Conferencia: “QUE ENTENDEMOS COMO UNHA ALIMENTACIÓN SAUDABLE?” Está demostrado que a alimentación e a saúde camiñan da man. Unha axeitada alimentación axuda a promover a saúde e a previr enfermidades. A charla-conferencia será impartida por Silvia Méndez Alonso, licenciada en bioloxía, especializada en nutrición e metabolismo e fundadora do proxecto holístico “V de Vegetal”. Degustación a posteriori de batidos, patés e zumes verdes.
8 DE ABRIL ás 20.30h: Charla-Obradoiro “INTERVENCIÓNS ASISTIDAS CON ANIMAIS” Nesta charla explicaranse, de xeito xeral, en qué consisten este tipo de intervencións, diferenciando tres bloques principais: terapia, actividades e educación asistida con animais. Irán intercalándose a teoría con prácticas cos cans de terapia. Impartida por persoal do gabinete psicopedagóxico “Con-tacto”: Olalla Vergara (técnica en intervencións asistidas con animais e mestra especializada en NNEE –necesidades educativas especiais- ) e Laura Pazos (psicóloga especializada en intervencións especializadas con animais e en psicoterapia infantil e adolescente)
9 DE ABRIL ás 19.30h: Obradoiro “MATERNIDADE E SAÚDE : CONCIENCIA CORPORAL MÚSICA E MOVEMENTO” Este obradoiro práctico e vivencial, a cargo da fisioterapeuta experta en embarazo e post-parto Nuria Peláez, está orientado ás mulleres que queiran adquirir pautas para levar un embarazo e un post-parto saudable dende o punto de vista corporal e emocional, coa música como ferramento de traballo. Ás 20.30h: Obradoiro “DIGNIFICANDO O PARTO E O NACEMENTO: UNHA VISIÓN NORMALIZADORA DO EMBARAZO, PARTO E LACTANCIA” Outro feito de parir e nacer é posible, porque ciencia e instinto poden e deben complementarse. Un embarazo non é algo patolóxico e toda muller ten dereito a ser informada, a ser escoitada e a escoller a opción que considere mellor e máis axeitada para ela e o seu bebé. Imparte Pilar Millán, coordinadora de “O Parto é Noso”.

10 DE ABRIL ás 20.30h : Conferencia “O IOGA É SAÚDE” Oríxenes do ioga tibetano, prevención da enfermidade e potenciación da saúde. Importancia da respiración na saúde. Beneficios psíquicos, físicos e emocionais do ioga. Práctica. Impartida polo Doutor Javier Akerman, naturópata e nutricionista, exprofesor do máster de medicina natural na USC (universidade de Santiago de Compostela). Maestro de ioga tibetano e meditación formado no monasterio budista de Pharping (Nepal) e na Academia Internacional de Katmandú.

11 de ABRIL ás 10h: Obradoiro “IOGA TIBETANO” Práctica de ioga tibetano: as ásanas (posturas), estiramentos, “o guerreiro”, “nangpa chipa”, “citta vritti”, meditación en movemento. A cargo de Sonia Amilatti, instrutora de ioga tibetano certificada pola escola internacional de ioga tibetano Lhakhang Gompa. Instrutora de pilates terapéutico.